AVALÍE Á VÍTIMA
Estimular o neno con suavidade e preguntarlle en voz alta: Estás ben?
Se responde, verbalmente, chorando ou movéndose:
• Deixar o neno na posición na que se atopou (a menos que estea exposto a algún perigo adicional).
• Comprobar o seu estado e pedir axuda.
• Reavaliar a súa situación de forma periódica.
Se o neno non responde:
• Gritar pedindo axuda e chamar ao 061.
• Con coidado, xirar o neno e colocalo en decúbito supino.
• Abrir a vía aérea do neno, estender a súa cabeza e elevar a súa mandíbula (manobra fronte-queixelo)
RESPIRACIÓN
Nos primeiros minutos dunha parada cardíaca, unha vítima pode estar practicamente sen respiración, ou presentar boqueadas infrecuentes, lentas e ruidosas. Non confunda isto coa respiración normal.
Mire, escoite e sinta durante non máis de 10 segundos para determinar se a vítima está respirando normalmente.
Se ten algunha dúbida acerca de se a respiración é normal, actúe como se non estivese respirando normalmente e prepárese para comezar RCP.
Se o neno respira con normalidade:
• Virar o neno ata colocalo nunha posición lateral de seguridade (ver máis abaixo). Se houbo algún traumatismo, debe considerarse a posibilidade de que exista unha lesión da columna cervical.
• Enviar a alguén a buscar axuda (ou ir un mesmo). Chamar ao número de emerxencias 061.
• Comprobar de forma periódica que o neno segue
respirando.
Se a respiración non é normal ou o neno non respira:
• Extraer con coidado calquera corpo estraño que obstrúa a vía aérea.
• Dar cinco insuflacións iniciais de rescate, e manter aberta a vía aérea.
Insuflacións de rescate para o lactante
• Asegurar unha posición neutra da cabeza. Dado que a cabeza dos lactantes adoita estar flexionada cando están en posición supina, adoita ser necesaria certa extensión (que pode facilitarse colocando unha toalla/pano enrolada debaixo da parte superior das costas do neno) e elevar o queixelo cara arriba.
• Inspirar e cubrir coa boca do reanimador a boca e o nariz do lactante, e asegurarse de que consegue un bo selado. Se non é posible cubrir a boca e nariz do lactante, pódese tentar selar só a boca ou ben o nariz (en caso de usar o nariz, cerraranse os labios para evitar a fuga de aire).
• Insuflar de forma sostida na boca e/ou nariz do lactante durante arredor de 1 segundo, cunha forza e volume suficientes para producir unha elevación visible do tórax do lactante.
• Manter a vía aérea aberta coa manobra fronte-queixelo, separar a boca da vítima e observar que o seu peito descende cando sae o aire.
• Inspirar de novo e repetir a secuencia descrita, 5 veces.
COMPROBAR OS SIGNOS VITAIS
Durante un máximo de 10 segundos:
Comprobar se existen signos vitais, que inclúen calquera movemento, tose ou respiración normal (as respiracións agónicas, esporádicas ou irregulares non son respiracións normais). Se se
comproba a existencia de pulso arterial, non se debe facer durante máis de 10 segundos. A palpación do pulso é pouco fiable e polo tanto é o aspecto xeral do neno o que debe servir de guía para decidir se se precisan compresións torácicas. Se non hai signos vitais débese empezar as compresións torácicas.
Se nestes 10 segundos se comproba claramente que existen signos vitais:
• Continuar coas respiracións, se son necesarias, ata que o neno recupere unha respiración adecuada por si mesmo.
• Se o neno respira pero permanece inconsciente, colocalo en posición lateral de seguridade (con coidado se hai sospeita de traumatismo).
• Reavaliar o neno frecuentemente.
Se non hai signos de vida
• Empezar as compresións torácicas.
• Coordinar as insuflacións coas compresións torácicas (cunha relación de 15 compresións e 2 insuflacións).
COMPRESIÓNS TORÁCICAS
Se hai un só reanimador, debe comprimir o esterno coa punta de dous dos seus dedos.
Se hai dous ou máis reanimadores, débese usar a técnica “do abrazo” con dúas mans. Colocar ambos
os dedos polgares xuntos sobre a metade inferior do esterno coas súas puntas dirixidas cara a cabeza do neno. Co resto das mans e os dedos abrazar a parte inferior da caixa torácica do lactante, coas costas do neno apoiadas sobre os dedos.
Con ambos os métodos, débese deprimir o esterno polo menos un terzo do diámetro anteroposterior do tórax do lactante ou uns 4 cm, a un ritmo de 100-120 compresións por minuto.
Non interromper a reanimación ata que:
• O neno mostre signos de vida (empece a espertar, a moverse, a abrir os ollos e a respirar normalmente).
• Cheguen outros profesionais sanitarios que poidan axudar ou tomar o control da reanimación de forma efectiva.
• O reanimador estea esgotado.
USO DO DESA